Na correspondencia preparatoria da mesa redonda «Marcos institucionais: financiamento», no marco do VIII Simposio da Asociación Española de Teoría de la literatura (As Palmas de Gran Canaria, 26-27 de xaneiro de 2017), solicitóuseme «un breve curriculum (especialmente, coa información relativa ao financiamento, como os proxectos, os grupos de investigación ou as bolsas e contratos), co fin de poder facer adecuadamente as presentacións». Debo confesar que o documento que proporcionei non incluía ningún dos datos solicitados. E iso por dúas razóns. En primeiro lugar, non vexo nos meus datos persoais no ámbito do financiamento nada exemplar ou modélico que poida ser presentado para “instruír” aos colegas de profesión. En segundo lugar, pretendía (e pretendo) que esa lagoa constituíse precisamente o asunto que desexo pór enriba da mesa hoxe, iso si, un asunto carente tamén de calquera pretensión de exemplaridade. A miña motivación estriba nas contradicións que observo entre as nosas sisudas elaboracións teórico-críticas, nas que pretendemos adestrar aos nosos estudantes, e as nosas prácticas noutras ordes da vida académica, tales como a xestión ou a que nestes momentos me ocupa, o financiamento.

 

A solicitude de información relativa ao financiamento como un ítem máis do currículo académico en termos de destrezas ou logros indica para min un cambio radical na historia da profesión. Tomemos como exemplo —ben oportuno ao cumprirse dez anos do seu falecemento— o caso de Claudio Guillén. Unha reconstrución do seu currículo (non dispoñíbel en liña, un dato elocuente) a través de publicacións na súa homenaxe (Villanueva, Monegal e Bou 1999; García Jurado, Raders e Villar Dégano 2009) fai imposíbel rastrexar dato algún sobre financiamento. De feito, non é un dato que forme parte do xénero do Festschrift ou da biografía en liña doutras académicas da súa xeración. Outro tanto podería dicirse de George Steiner no marco da Universidade de Oxford. Pero se nos desprazamos á universidade británica de maior vocación neoliberal na actualidade, a Universidade de Warwick, observarase como na bio académica de docentes da xeración nada entre 1930 e 1940, xunto aos campos tradicionais de filiación, posto académico, liñas de investigación e dirección doutoral inclúese, de forma moi colateral, información relativa ao financiamento (Imaxe 1). Este tipo de información adquire moito maior protagonismo nas xeracións máis novas (Imaxe 2). Podería dicirse, por tanto, que o cambio radical na historia da profesión se sitúa aproximadamente entre a xeración que ten entre 90 e 70 anos (eméritas e recentemente xubiladas) e a xeración entre 40 e 50 anos, nunha fase consolidada da súa carreira académica e cos seus currículos en liña, currículos que inclúen non só información sobre os proxectos financiados, senón —e moi importante— o financiamento exacto obtido para cada un deles.

 

Imaxe 1: Grao de presenza do financiamento na biografía académica dunha profesora na Universidade de Warwick da xeración de 1940 (Datos persoais suprimidos para protección de anonimato)

Imaxe 2: Grao de presenza do financiamento na biografía académica dunha profesora na Universidade de Warwick da xeración de 1970 (Datos persoais suprimidos para protección de anonimato)

 

Este cambio detectado entre a xeración nada de 1930 a 1940 e de 1965 a 1975 aproximadamente converteuse nunha esixencia inescusábel para o acceso á profesión. Tomemos a modo ilustrativo, para seguir coa Universidade de Warwick, a recente convocatoria dunha praza de assistant professor (a nosa profesora contratada doutora) con especialidade en literatura inglesa e literatura comparada. Para ser considerada a súa solicitude no proceso selectivo, a candidata debe cumprir trece requisitos esenciais e dous requisitos desexables. Entre os trece requisitos esenciais inclúense o título de doutora no campo disciplinario en cuestión ou nun próximo, a «excelencia» nas publicacións, estar capacitada para dar clases de grao e posgrao, participar no desenvolvemento curricular do departamento, ser capaz de ensinar nun contexto TIC e demostrar a capacidade ou o potencial para xerar financiamento externo. Permítanme que subliñe dous datos: 1º) trátase de requisitos para simplemente optar ao proceso de selección e 2º) trátase de requisitos esixidos a doutoras recentemente tituladas.

 

No noso modelo universitario actual, que Walter D. Mignolo (2003) denominou «universidade corporativa» e que veu a substituír a «universidade humboldtiana-kantiana», modelo que á súa vez substituíu a «universidade renacentista», a consecución de financiamento externo é un requisito de acceso á profesión. E digo «o noso» modelo universitario actual porque a universidade española sumouse á neoliberalización universitaria británica. No Programa de avaliación de profesorado para a contratación da ANECA, o financiamento en convocatorias competitivas merece unha puntuación entre 5 e 12 sobre 100, mérito que tamén computa na avaliación para a acreditación ao corpo de funcionarias. E no CVN (Imaxe 3) o apartado dedicado ao financiamento en convocatorias competitivas esixe a inclusión da contía total obtida.

Imaxe 3: Sección do CVN na que se debe cubrir a contía obtida por proxecto. Mensaxe implícita: a valía científica do proxecto é equivalente ao financiamento obtido

 

A universidade corporativa é, por tanto, unha entidade empresarial que funciona por subcontratación, externalización ou tercerización no ámbito investigador e fai da profesora unha subcontratista cun elevado índice de temporalidade (a duración do financiamento dun proxecto adoita ir de 3 a 5 anos) e un non menor grao de decrecente lealdade cara á «empresa». A estratexia subxacente é obviamente a maximalización dos beneficios, que se xoga entre as precarias condicións do contexto institucional da investigación e a porcentaxe que a universidade retén do financiamento obtido pola investigadora. A esixencia de financiamento externo para o acceso á profesión non é outra cousa pois que unha estratexia de financiamento alternativo ante o descenso do financiamento público das universidades.

 

De acordo cos datos proporcionados por Universities UK no seu documento de xullo de 2016 University Funding Explained, o 16% do financiamento total para o ano académico 2014-2015 procede de fondos públicos para proxectos de investigación en convocatorias competitivas, ao que se suma un 10% de fondos públicos para proxectos docentes, isto é, os fondos de proxectos representan un 26% do financiamento total, mentres que un 44% procede das taxas universitarias. Polo que se refire ás fontes específicas dos fondos de investigación (Imaxe 4), un 66% procede do goberno británico, un 11% de fondos europeos e, chamativamente, un 13% de organizacións benéficas, mentres que só un 4% procede de fondos privados.

 

Imaxe 4: Orzamento de investigación en universidades británicas 2014-2015. Fonte: Universities UK (2016: 6)

 

Para o sistema universitario español (SUE) contamos cun número amplo de estudos sobre financiamento debidos a investigadoras universitarias, pero non, sorprendentemente, realizados por organismos que poidan introducir os resultados dos seus propios estudos nas súas axendas de negociación coa administración. Destes organismos, con seguridade o máis adecuado para este tipo de iniciativas sería a Comisión Sectorial CRUE-Xerencias, con dous grupos de traballo que, en función da súa denominación, xa que non existe ningunha outra información ao respecto, parecen implicados por este ámbito: o Grupo de Contabilidade Analítica, Sistemas de Financiamento e de Información e o Grupo da Investigación e a Transferencia. Que non exista información pública sobre os obxectivos destes dous grupos resulta certamente desalentador, así como a ausencia de calquera documento na Sección «Posicionamento» da CRUE, coa mensaxe implícita de que a situación do SUE é idéntica antes e despois da crise financeira internacional de 2008-2009.

 

Un estudo pre-crise, debido a tres investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (Luís Otero González, David Rodeiro Pazo e Alfonso Rodríguez Sandiás), informa do crecemento no gasto I+D nos orzamentos xerais do Estado, duplicándose entre 1995 e 2005 (Imaxe 5), con 1997-1999 como bienio chave (isto é, durante a primeira administración Aznar) cun crecemento do 50%. Todos lembramos eses anos, nos que, entre outras iniciativas sen planificación a longo prazo (como decote acontece con toda a política educativa neste país), se implementaron as mencións de calidade aos programas de doutoramento. En todo caso, convén non esquecer o contexto: en 2002 o gasto en I+D en España non alcanzaba a metade da media dos países da OCDE, en concreto un 1.03% do PIB (Otero González, Rodeiro Pazo e Rodríguez Sandiás 2007).

Imaxe 5: Gasto en I+D nos orzamentos xerais do Estado (1995-2005). Fonte: Otero González, Rodeiro Pazo e Rodríguez Sandiás (2007)

Para o período post-crise, un artigo de El País do 15 de xuño de 2015 (Álvarez 2015), baseado en datos dunha Enquisa de Investigación e Transferencia de Coñecemento da CRUE, que desapareceu do seu sitio web, sitúa entre 2010 e 2013 nun 38% a caída en investimento directo para proxectos de investigación (Imaxe 6). Os fondos públicos nacionais son os que máis se resenten, mentres que aumentan as partidas para investigación procedentes da Unión Europea, novo «El Dorado» das universidades españolas nas súas prácticas de externalización financeira.

 

Imaxe 6: Fondos para I+D en universidades en período post-crise. Fonte: Álvarez (2015)

O entón presidente da CRUE José Carlos Gómez Sal afirmou que «os efectos dos recortes aínda non son “irreparábeis” pero case» (Álvarez 2015). Pola miña banda, descoñezo calquera acción directa emprendida pola CRUE (desculpen a miña ignorancia no caso de existir), como tamén descoñezo calquera acción directa por parte dos sucesivos equipos reitorais desde a crise até o momento, período durante o cal a «soberanía universitaria» converteuse nunha estrañada reliquia, un significante baleiro.

 

Na miña opinión, a profesora universitaria que se embarque na procura de financiamento público (autonómico, nacional ou europeo) non debería pasar por alto as implicacións da situación en que se atopa. Non debería pasar por alto, por unha banda, o estatuto que lle confire o novo modelo corporativo, que a universidade pública española comeza a facer seu. É o estatuto da subcontratista. Pénsese en que a universidade española, nin sequera nos seus mellores momentos orzamentarios, pensou en facer seu un modelo de financiamento interno de investigación, como o que estivo operativo na universidade estadounidense (a partida de investigación correspondente a cada profesora en función dos seus obxectivos e logros) e está a ser posto en práctica pola universidade chinesa. E, por outra banda, non debería pasar por alto os fins aos que se verá obrigada a destinar o financiamento público obtido.

 

Ditos fins teñen moito —ou todo— que ver coa precariedade do contexto institucional de investigación ao que aludín antes. Comecemos polo feito de que na universidade pública a profesora non contará con ferramentas de traballo tan básicas como un computador a menos que o adquira con fondos de proxectos de investigación. Este feito sitúaa a gran distancia de traballadoras doutras empresas e nunha situación moi próxima á doutras traballadoras públicas como, por exemplo, as carteiras rurais, quen deben achegar á empresa o seu propio vehículo para levar a cabo a repartición postal. Sigamos polo feito de que os recortes no financiamento universitario post-crise levaron a solicitar das directoras de proxectos de investigación o financiamento das subscricións a publicacións periódicas e a adquisición de fondos bibliográficos ante a imposibilidade de asumir os pagos os orzamentos das bibliotecas. E acabemos (obviamente, non hai vontade de exhaustividade nesta enumeración) polo feito de que os resultados da investigación publicamente financiada en forma de artigos verán a luz en revistas científicas de referencia internacional cuxas subscricións non poden ser adquiridas ou renovadas polas bibliotecas universitarias e cuxa lectura por parte da lectora xeral esixirá un pago previo. Non foi unha universidade española, nin unha universidade pública, senón nada menos que a Universidade de Harvard a que solicitou en 2012 ao seu profesorado que publicase en revistas de acceso aberto, xa que non podería seguir afrontando as tarifas impostas polas empresas de publicacións periódicas.

 

En definitiva, o que debería imporse é unha reflexión tan sosegada como reactiva en relación coa instrumentalización da figura da profesora universitaria por parte tanto do organismo para o que traballa como das administracións que interveñen, non sempre lealmente, no seu funcionamento. É unha instrumentalización que opera en diversos niveis do quefacer académico. Con ocasión dunha recente subida exponencial das taxas académicas para estudantes en fase doutoral, introduciuse como novo concepto que xustificase dita subida o ítem «tutela académica» (Imaxe 7) coa conivencia da administración e as universidades, pero con xeral descoñecemento —ou, por que non dicilo, desinterese— por parte do profesorado, malia ser unha función que ven de seu e sempre foi exercida.

Imaxe 7: Sección 1ª do Artigo 11 do Real Decreto 99/2011, de 28 de xaneiro, coa que se xustificou a súbida exponencial das taxas de matrícula en programas de doutoramento mediante o concepto «tutela académica». É lamentábel que se dé a entender á doutoranda que a maior parte da súa mátricula vai directamente ao peto da súa directora

De máis está dicir que ese cantidade por atención titorial non está destinada á directora da tese, senón á administración universitaria, mentres que á directora da tese se lle solicita agora a aprobación das actividades formativas levadas a cabo pola doutoranda e a súa avaliación anual nunha nova tarefa administrativa nunha xa sobrecargada axenda administrativa que parece ter por obxectivo encher a que se presume axenda docente e investigadora baleira da profesora. Noutras ocasións, o incentivo disfrázase de condecoracións á excelencia, como a bosquexada por certa administración autonómica a aquelas investigadoras que enlazasen sen interrupción un número determinado de proxectos de investigación.

 

Rematarei por mencionar outra modalidade desas contradicións entre as nosas sisudas elaboracións teórico-críticas e as nosas prácticas noutras ordes da vida académica, nesta ocasión unha especialmente relevante para o caso das humanidades. Sinalamos con insistencia a incorrección de aplicar os mesmos procedementos da avaliación da investigación en «ciencias duras» ás humanidades. Así, no caso das avaliacións interna (a que a propia administración universitaria leva a cabo para iso que se deu en chamar «produción científica») e externa (a levada a cabo polas administracións autonómica e nacional en termos de complementos, sexenios, acreditacións, solicitude de proxectos) argumentamos a invalidez dunha puntuación por publicación periódica, e non polo contido do artigo en cuestión. É esta unha formulación acorde coas nosas prácticas intelectuais, a dunha lectura atenta e crítica do texto. ¿Non é entón contraditorio que aspiremos a un financiamento que, se non nas súas cantidades, pero si nos seus medios, sexa idéntico ao das «ciencias duras»? Para unha das mestras desa xeración previa ao cambio que aquí estou a describir, Steiner, «[w]hat we need are places, i.e. a table with some chairs around it, in which we can learn again how to read, how to read together» (1984: 97). Aínda que a súa argumentación estaba construída en relación cos chamados entón «programas de humanidades», non vexo por que non sexa igualmente aplicábel aos fins que se perseguen cos proxectos de investigación en humanidades. Discutindo esta frase cunha colega de Penn State University (si, esa mesma universidade que rexeitou levar adiante o contrato de Erich Auerbach cando nunha inspección médica se descubriron os seus problemas cardíacos), comentoume que se trataba dunha boutade que Steiner podía permitirse facer precisamente por traballar en Oxford. É posíbel, aínda que non deixo de pensar que é algo que pode dicirse só cando se traballa nunha universidade cunha boa biblioteca, algo que hoxe día moitas universidades están a deixar de ambicionar. E se nas humanidades os nosos primeiros e derradeiros instrumentos son os libros, ¿que se haberá de investigar co financiamento dos proxectos de investigación cando os libros deixan de chegar ás nosas bibliotecas?

 

Confío en que o dito até o momento non leve a considerarme contraria ao financiamento para proxectos de investigación. Sería ben contraditorio con respecto á miña propia práctica en canto IP de proxectos financiados polas administracións autonómica, nacional e europea. Do que si se trata é dunha postura crítica co realizado até o momento e co papel que se pretende atribuírnos. Se os datos que expuxen aquí son medianamente axustados á realidade, iso significa que a responsabilidade da introdución de cambios na universidade corporativa e no capitalismo académico reside na xeración que, como a miña, se atopa a uns vinte ou trinta anos da xubilación, e non fundamentalmente na xeración de novas profesoras contratadas doutoras. En termos de financiamento, non podemos pasar por alto que a presión pola obtención de fondos externos vai estreitamente da man da esixencia —tal e como se ve nas liñas prioritarias— de producir coñecemento «aplicábel». Noutras palabras, o financiamento que nós obteñamos hoxe determinará sobre que se lle permitirá investigar ás novas xeracións. Debo confesar que non son moi optimista respecto diso, polo menos mentres aceptemos que as nosas obrigas de xestión, incluída a financeira, non nos deixan tempo para conversar cara a cara coas nosas colegas. En todo caso, si creo que en humanidades o financiamento non é o único medio. En caso contrario, non se podería explicar como moitos libros influíntes foron antes proxectos que se consideraron non merecedores de financiamento.

 

Obras citadas

  • Álvarez, Pilar. 2015. «La financiación pública para proyectos de investigación cae casi un 40%». El País 15 de xuño. Web.
  • García Jurado, Francisco, Margit Raders e Juan Felipe Villar Dégano, eds. 2009. Claudio Guillén. Lecciones de un maestro. Madrid: Complutense.
  • Mignolo, Walter D. 2003. «Globalization and the Geopolitics of Knowledge. The Role of the Humanities in the Corporate University». Neplanta: Views from the South 4.1: 97-119.
  • Otero González, Luis, David Rodeiro Pazo e Alfonso Rodríguez Sandiás. 2007. «La financiación de la investigación en las universidades públicas españolas: ¿una salida financiera?». El comportamiento de la empresa ante entornos dinámicos: XIX Congreso anual y XV Congreso hispano-francés de AEDEM. Web.
  • Steiner, George. 1984. «“Critic”/”Reader”». George Steiner: A Reader. Nova York: Oxford UP. 67-98.
  • Universities UK. 2016. University Funding Explained. Londres: Universities UK. Web.
  • Villanueva, Darío, Antonio Monegal e Enric Bou, eds. 1999. Sin fronteras. Ensayos de Literatura Comparada en homenaje a Claudio Guillén. Madrid: Castalia – Universitat Pompeu Fabra – Universidade de Santiago de Compostela.

Referencia: Domínguez, César. «Financiamento, investigación e humanidades». 21 de marzo. Blog: Notas ao rodapé. Web. <http://cesardominguez.es/?p=226&lang=gl>.